Noticias Web FGA .- Catro medallas e cinco finalistas na primeira xornada dos nacionais

Noticias FGA

Catro medallas e cinco finalistas na primeira xornada dos nacionais

Un total de catro medallas (un ouro, dúas pratas e un bronce) e cinco postos de finalista sería o que daría de sí a primeira xornada dos Campionatos de España Absolutos de Atletismo que se están a desenvolver en Getafe.
A proba de xavelina depararía sen lugar a dúbidas a excelente nova da xornada, xa que Lidia Paradanun formidable concurso lanzaría no seu último intento ata os nada menos que 61.25 m. o que supón un novo récord galego absoluto sendo ademais mínima de participación para os Campionatos de Europa de Berlín. Por se fose pouco Andrea González da Gimnástica lograría unha brillantísima cuarta posición ó lanzar xa no seu  primeiro intento ata os 49.93 que representa unha MMP.
Leticia Gil lograría a segunda medalla para a nosa comunidade na proba de lonxitude grazas ó seu terceiro salto na que se iría ata os 6.25 m. que suporían un novo récord de Galicia se non fora polos 2.9 de vento a favor. En calquera caso excelente comportamento da atleta de O Barco de Valdeorras que colgaría un bronce nesta cita.
No concurso de Martelo Nacho Fernández do Celta con 61.84 m. entraría en postos de finalista cun meritorio quinto posto ó igual que as atletas dos 3.000 m. Obstáculos Alice Marie Genevieve sexta con 10:34.84, e Eva Arias oitava con 10:39.77.
De novo Belén Toimil subiría ó podio no concurso de peso logo dunha tempada difícil para ela, sendo nesta ocasión para recoller a prata que lograría con 15.77 m. do seu primeiro intento.
Seguindo cos lanzamentos, en disco nova prata de Frank Casañas o cal tan só cedería ante Lois Maikel Martínez. O pentaolímpico faría dous lanzamentos válidos, chegando no cuarto ata os 56.97 m.
Saleta Fernández que partía como clara favorita, tería que ceder ante unha inoportuna lesión que a faría ocupar a cuarta praza no concurso de altura.
Por ultimo salientar a Javi Cancela do C.A. Santiago quen quedaría as portas da final dos 100 m. despois de acadar o cuarto posto nas semis con 10.48 que representa unha MMP situándose a tan só dúas centésimas do record galego.