Noticias FGA

Noticias Web FGA .- As combinadas piden paso esta fin de semana

Noticias FGA

As combinadas piden paso esta fin de semana

De novo as pistas do CGTD de Pontevedra darán acollida os días 7 e 8 desta fin de semana o IV Campionato de Galicia de Clubs de Probas Combinadas (Sub-16 ata absoluto) así como o XIV Campionato de Galicia Máster da mesma especialidade.
Na relación de equipos masculinos inscritos nesta edición toman parte a Sociedad Gimnástica de Pontevedra que defende o título acadado o ano pasado neste mesmo esciario. Xunto ós actuáis campións, aspiran ó título da mesma maneira o C.A. Millaraio e C.A. Narón. Na categoría feminina, e ante a ausencia do Riazor Coruña gañador o ano pasado, a loita estará entre a Gimnástica de Pontevedra (actual subcampión) e o C.A. Millario.
No que atinxe a categoría de veteranos salientamos a presenza da campioa do ano pasado Angeles Bernárdez do Samertolomeu na categoría Máster 45.

Noticias Web FGA .- A milla busca ós seus campións

Noticias FGA

A milla busca ós seus campións

A Federación Galega de Atletismo e o Club Atletismo Santiago organizarán, co patrocinio do Concello de Santiago de Compostela, o Campionato de Galicia de Milla en Ruta absoluto e das categorías Sub-18, Sub-20, Sub-23 e Máster, así como o Campionato de Galicia de 1 Km. en Ruta das categorías Sub-10, Sub-12, Sub-14 e Sub-16 o vindeiro domingo 8 de abril.
Será a Praza de Galicia de Santiago de Compostela o punto de saída dos preto de 600 inscritos quenes tomarán parte nas distintas probas programadas a partir das 10:00 horas. Paralelamente tamén celebrarase a I Milla Urbana “Portas de Compostela”.
Entre os que figuran na relación de participantes (a día de hoxe) atópase o campión absoluto do ano pasado na edición de O Pino, Alberto Chaves, quen defenderá título, tendo fronte el a Gonzalo Basconcelo do Celta, Iván Vales do C.A. Santiago ou mesmo o lucense Iván Manso do Lugo Running como rivais de consideración.
Na categoría feminina, a campioa da edición do ano pasado Leticia Fernández do ADAS non se atopaba na relación de inscritos (por hoxe) malia que sí estaba confirmada a participación da medalla de bronce de O Pino 2017, Ariana González do Trega.

Noticias Web FGA .- A tregua dos festivos, dará un novo impulso ó calendario

Noticias FGA

A tregua dos festivos, dará un novo impulso ó calendario

Unha vez rematados estes días festivos na que a frenética axenda atlética tomaría un certo respiro, comezamos unha nova e apretada axenda de campionatos e competicións que arrincarán nesta segunda fin de semana do mes de abril.
Para comezar o día 7 e 8 desenvolverase nas pistas do CGTD de Pontevedra o Campionato de Galicia de Probas Combinadas que terá nas súas modalidades de clubs e máster ós seus protagonistas. Estas mesmas instalacións darán acollida o domingo outro importante evento como é o II Trofeo Escola de Marcha Atlética. Da mesma maneira o domingo, a capital galega será escenario da disputa do Campionato de Galicia de Milla en Ruta e 1 km. ca presenza e participación dos mellores especialistas da distancia.
Xa en clave estatal teremos o Campionato de España de Fondo en Pista, Trofeo Ibérico cuxa sede será a localidade portuguesa de Braga, e a nivel internacional contamos ca participación de El Mehdi El Nabaoui no Campionato do Mundo de ISF de Campo a Través que se disputa en París do 2 ó 7 deste mes. Por último as distintas fases en pista do XOGADE,  a IV Carreira Popular de Dous en Dous de Carballo, e o Control de Marcas que organiza a Delegación de O Barco de Valdeorras o vindeiro sábado, completarán estas interesantes xornadas
Todas estas novas serán ampliadas ó longo desta semana.

Noticias Web FGA .- Recital dos máster galegos no Campionato de Europa

Noticias FGA

Recital dos máster galegos no Campionato de Europa 

Como de fantástico papel pódese considerar o balance dos atletas galegos que se desplazaron ata a madrileña pista cuberta de Gallur para tomar parte nos Campionatos de Europa Master que se viñeron desenvolvendo dende os días 19 a 24.
Un total de vinte e seis medallas, das cales doce serían de ouro, cinco de prata e nove de bronce, acreditaría a gran actuación dos nosos que se complementaría  ca consecución de nada menos que once novos récords de Galicia, dous récords de España e un récord Mundial
Como resumo e dando comezo pola velocidade, esta modalidade tería en Miguel Gómez ó seu protagonista xa que o atleta do Celta marcaría un rexistro na proba dos 200 m. M-35 de 22.80 que lle permitirían acadar a medalla de bronce. Do mesmo xeito sería integrate do relevo que acadaría a prata nos 4×200 m.
Nos valados destacadas actuacións dos nosos representantes xa que tanto Emma Valencia do A.F.Celta na W-35 con 9.16 como o atleta do Marineda Atletismo Miguel López na categoría M-60 cun rexistro de 9.51 proclamaríanse campións continentais. Con este ultimo rexistro ademáis, o atleta coruñés establcería un novo récord de España da súa categoría.
Nas probas de medio fonfo e fondo, gran actuación de Esther Pedrosa que acadaría nada menos que tres medallas de ouro na categoría máster 55 cos seus títulos nos 1.500 m. con 5:10.92, 3.000 m con 10:59.33 e a modalidade de Campo a Través o que convirten na gran trunfadora dos nosos representantes.  Ramón Serantes do Marineda Atlático repetiría podio cos seus bronces na categoría M-45 tanto dos 1.500 m. con 4:17.60 como nos 3.000 m con 9:12.72.  Continuando cos 1.500 m . prata para Javier Toro do Verxel Nutrición na categoría M-60 con 4:49.18 e fantástico de novo Pepín Rioseco do Egovarros quen lograría un novo éxito que engadir ó seu dilatado palmarés ó impoñerse nos 1.500 M-75 con 5:34.55. e establecendo, de paso, unha nova plusmarca nacional da distancia.
Xosé Lois Otero do Universidade de Santiago sumaría un novo metal para os galegos ca súa prata nos 3.000 m. M-65 na que invertiría un rexistro de 10:46.84. Gustavo Platas do Verxel Nutrición pola súa banda, sería bronce nos 3.000 m. M-35 con 8:39.01
Nos saltos, Raquel Lameiro do ADAS Proinor colleitaría a prata na categoría  W-40 en triplo con 10.85 m. sendo o bronce para o cangués do Clube A Silva Basi Bernárdez quen con só tres saltos lograría o metal na M-40 con 12.70 m.
Continuando cos lanzamentos,  Francisco Gúzman do Celta proclamariase campión de Europa no disco M-40 con 45.43 m. sendo a súa vez medalla de bronce no peso con 14.43 m. No concurso de lanzamento de martelo Javier Cid do ADAS Proinor sumaría unha prata na categoría M-40 con 46.59 m.
Xa na xavalina, nada menos que catro ouros para os nosos lanzadores das que destacamos os títulos de Mónica Yánez do ADAS Proinor na W-40 con 36.94 m.; Emilia Mesa do Ourense Atletismo na W-65 con 28.55 m., Luis Nogueira do ADAS Proinor na M-65 con 55.75 m. (récord do campionato). Capítulo  aparte representa a actuación de Felicia Moldovan do Simple Scorpio-71 quen na categoría W-50 e cun mellor lanzamento de 47.53 lograría o Récord do Mundo da súa proba.
Por último, a Marcha tería en Conchi Campos a outra das protagonistas ó lograr a de Cuntis nada menos que o título europeo na proba dos 3 km marcha con 16:20.36 así como o bronce na de 5 km. con 28:04. Na categoría masculina dous bronces para José Fernandez Nieves do Celta na categoría máster 35 nos 3 km. con 13:26.78 e na dos 5 km. con 23:00.

Noticias Web FGA .- Axenda atlética para esta fin de semana

Noticias FGA

Axenda atlética para esta fin de semana

Interesante axenda de competicións é o que nos depara o calendario autonómico e internacional para esta fin de semana.
En Madrid continúa ata o sábado a competición do Campionato de Europa Máster de Pista Cubertana que os atletas galegos están a acadar excelentes rexistros sobre os que vimos falando a través das Redes Sociais e cuia información ampliaremos próximamente nesta web.
Dende a pista cuberta de Madrid, ímonos ata o VII Trofeo Deportivo Aurum de aire libre que se desenvolverá en Ourense a partires das 18.00 horas do sábado 24 e que xuntará a un importante número de atletas no que representa unha das primeiras citas de aire libre importantes da tempada.
No apartado de tecnificación segue a desenvolverse a concentración de velocidade que o responsable do sector José Carlos Tuñas está a dirixir durante esta fin de semana nas Pistas do Campus Universitario de Ourense e cuia finalidade é a de facer un seguimento directo ós millores especialistas do sector.
Xa para rematar a VII Carreira Pedestre Concello de Camariñas, que se desenvolverá o domingo, abrirá o importante Circuito de Carreiras Populares da Costa da Morte formado por un total de dez probas e que esta edición se achega xa a súa sétima edición.

Noticias Web FGA .- Medhi El Nabaoui e Lucía Sicre, protagonistas en Antequera

Noticias FGA

Medhi El Nabaoui e Lucía Sicre, protagonistas en Antequera

Un total de dúas medallas e seis postos de finalistas sería o balance da actuación galega no Campionato de España Sub-18 de Pista Cuberta que esta fin de semana se desenvolvería na cidade malagueña de Antequera.
Sen lugar a dúbidas o principal protagonista por parte dos galegos sería unha vez máis o atleta do Club San Paio A Estrada El Medhi El Nabaoui que parece non coñocer límites. Logo de facer unha tempada na que se proclamaría gañador do Cros Internacional de Atapuerca Sub-18, Campión Nacional Sub-18 de Campo a Través por Clubs e Campión de España de Campo a Través Sub-18 remataría esta fase invernal co título nacional dos 3.000 m. cun rexistro de 8:51.15 que fan incrementar ainda máis o seu xa impresioante palmarés. Con este título ratifica o seu dominio sobre esta distancia que lidera no ránking nacional con esa incríble marca efectuada no galego absoluto de Ourense de 8:33.77 e que fan del toda unha promesa.
A outra das grandes novas viría da man de Lucía Sicre. A ferrolana do RIA que se achegaba con moitas gañas a Antequera, tomaría parte na terceira semifinal dos 800 m. onde se imporía cómodamente con 2:20.13. Xa na final do domingo e competindo como ela sabe, cederaía tan só ante a balear Pinacchio e a extremeña Cepeda, acadando o bronce con 2:16.39. Nesta mesma proba cabe salientar o excelente nivel das galegas xa que nada menos que tres atletas (incluida a medallista) entrarían na final. Irene Barreiro do RIA Ferrol con 2:17.24 ocuparía unha destacadísima cuarta posición cun rexistro de 2:17.24 e na que xa en semifinais establecería unha MMP con 2:16.13. Pola súa banda Paula de la Torre da Gimnástica tamén estaría nese grupo de seis finalistas ocupando a quinta posición da proba cun rexistro de 2:19.10 (MMP en semifinais con 2:18.71)
Notorio comportamento tamén de Sara López da Atlética Lucense quen na proba dos 3000 m. establecería un rexistro de 10:36.40 acabando na sexta posición.
Non menos importante sería a actuación do atleta do C.A. Santiago Victor Mosteiro quen na final dos 60 m. e con 7.11 ocuparía a cuarta posición. Este mesmo atleta xa en semifinais lograría unha MMP con 7.09.
Por último outro dos finalistas galegos sería o representante do Comesaña Sporting Club Diego Barros quen nos 800 m. e cun rexistro de 2:02.63 ocuparía unha meritoria sexta posición. Previamente nas semifinais, onde lograría o pase por tempos, establecería un rexistro de 1:58.45 que representa unha MMP.

Noticias Web FGA .- O Circo Romano de Mérida laurea a Adrián Ben

Noticias FGA

O Circo Romano de Mérida laurea a Adrián Ben

Mérida daba acollida esta fin de semana a competición máis importante da tempada estatal de campo a través ca disputa do Campionato de España por Autonomías a que Galicia acudíría con varios equipos.
Logo dunha longa viaxe efectuada no día anterior, o domingo arrancaca na fermosa contorna do Circo Romano da capital extremeña, o campionato as 10:30 horas ca saída da categoría Sub-20 feminino sobre un circuíto de 6.000 metros.  Nesta proba a primera das galegas en entrar en línea de meta no posto trixésimo noveno sería Elena Costas e que xunto a actuación do resto de compoñentes que puntuaban (43ª Patricie Viadel, 45ª Antía Rodríguez e 50ª Ana Cerreira) darían ás galegas a novena posición por equipos con 177 puntos nunha proba gañada pola potente selección de Castela e León con 23.
Logo da disputa da primera das probas daríase paso xa as 11:00 h. a categoría masculina onde a nosa selección con 184 puntos acabaría de décima. Aquí e logo de marcar un tempo de 26:09 sobre os 8.000 m. do circuíto, o mellor dos nosos atletas sería Fernando Rial no posto 23º. Xunto el puntuarían: 41º Pablo Monteagudo, 52º Adrián Lage e 68º Elian Nuna.
A proba Sub-23 masculina deixaría os mellores rexistros para os galegos xa que un fantásticoAdrián Ben acabaría esta carreira nunha formidable segunda posición que lle daría o título nacional (polo carácter extranxeiro do gañador Mohamed Katir) invertindo un rexistro de 31.32  sobre os 10.000 m. do circuíto. Xunto ó lucense, boa carreira de Tariku Novales quen chegaría no posto décimo sexto e na que se completaría actuación cos postos de Vicente Suárez no 53º e de Jorge Cortes no 59º. Por comunidades Galicia acabaría na oitava posición con 130 puntos.
Por último na categoría absoluta feminina novo oitavo posto para as nosas representantes na queSandra Mosquera sería a primeira das galegas en entrar na línea de meta no posto vixésimo sétimo. O resto de compoñentes que completarían esos 10.000 m. en postos de puntos serían: 32ª Leticia Fernández, 36ª Esther Navarrete e 48ª Sofía Freaza.
O equipo masculino senior non puido completar participación, sendo  Pablo Miguel García o primeiro dos galegos no posto trixésimo terceiro ocupando Alejo Ares a segunda mellor posición no corenta e tres.

Noticias Web FGA .- El Medhi El Nabaoui principal baza no nacional Sub-20 de Antequera

Noticias FGA

El Medhi El Nabaoui principal baza no nacional Sub-20 de Antequera

Continúa esta fin de semana desenvolvéndose xa un dos últimos campionatos de España de Pista Cuberta, sendo desta vez Antequera, quen acolla ós Sub-18.
Nesta cita tomarán parte preto de corenta atletas galegos os cales acuden con obxectivos distintos, si é certo que comparten a ilusión, motivación e as ganas de competir.
Entre os máis  destacados por marca e ránking Víctor Mosteiro nos 60 m., e logo de facer unha fantástica tempada, acode ca intención de andar preto desos 7.10 que o poderían facer estar nas posicións de honra da proba. Nerea Iglesias do Fontes do Sar pola súa banda tentará mellorar eses 7.87 deste ano.
Manuela Castro do A. Narón intentará salir cun bo sabor de boca dos campionatos mellorando os seus 59.41 nos 400 m. Especial atención a proba dos 800 m. na que a presenza tanto de Lucía Sicrecon 2:16.51 como de Irene Barreiro de 2:16.65 ambas do Ría Ferrol poden deparar gratas sorpresas xa que acuden ca terceira e cuarta mellor marca nacional do ano.
Os 3.000 m. a priori ten reservado o título nacional para o estradense do San Paio El Medhi El Nabaoui. A súa calidade individual e os seus rexistros fan que sexa moi superior ó resto de atletas da súa categoría a nivel estatal. Xa nas mulleres a lucense Sara López loitará por mellorar o seu rexistro de 10:36.86.
Nos valados os tamén lucenses da Atlética Guzmán Carril e Uxía Pereira loitarán para entrar na final da súa proba ó mesmo que Raúl Cortizo da Gimnástica no concurso de altura. De igual modo posibilidades para estar en postos de final para Marco Martínez da Gimnástica, Carlos Álvarez da Atlética Lucense e a internacional Olaia Guisela Becerril do A.F. Celta en lonxitude.
Por último tanto Pablo Tojal da Gimnástica en pertéga con 4.10 m. como Aloia Vilas do Universidad de Santiago en altura con 1.61 terán un excelente escenario para saír con mellores rexistros personais.

Noticias Web FGA .- Ourense despide un Campionato de España de "10" no organizativo

Noticias FGA

Ourense despide un Campionato de España de "10" no organizativo

Corenta e catro anos despois de que no ano 1974 se disputaran os últimos Campionatos de España de pista cuberta na nosa comunidade, Ourense e toda Galicia viviría a gran festa do que foi o XLV Campionato de España Sub-20 Masculino e o XL Campionato de España Sub-20 Feminino que porían a nosa comunidade no centro de atención a nivel nacional durante este pasado fin de semana.
Segundo Isidoro Hornillos, “Podémonos sentir tremendamente orgullosos da capacidade de traballo amosada por todos e cada un dos que tomaron parte neste gran proxecto, dende os voluntarios ata montadores, pasando por personal técnico, loxístico e organizativo(…) a todos e cada un deles as máis sinceras felicitacións” desta maneira se expresaba o presidente da FGA e responsable do Comité Executivo sobre o campionato, do quen non agochaba a súa satisfacción polo decorrer do mesmo.
Se no plano organizativo todo foron parabéns, non menos importante sería o plano deportivo na que os galegos acadarían unha medalla de prata e sete postos de finalistas.
Por sectores e comezando polos 60 m. Daniel Armada do Vila de Candas con 7.22 e Javier Mañanado Coruña Comarca con 7.26 non poderían acceder as semifinais nunha proba con bastante nivel na que si en cambio Santi Represas do C.A. Sada chegaría ás semifinais quedando 5º na súa serie con 7.14. Na categoría feminina Adiaratou Cámara do Lucus sería sétima na súa rolda con 8.05. sendo sexta Lucía Ferrer da Gimnástica -tamén en roldas- con 8.04. Nos 200 m. tanto Andrea Pais do A.F. Celta como Claudia Torres accederían á final B dos 200 m. ocupando un excelente 4ª posto a céltica con 25.31 (MMP) e un oitavo a ferrolana con 25.87 (con MMP nas roldas clasificatorias con 25.63).
Nos 800 m. moi bo campionato para o atleta coruñés do Comarca Elian Nuna quen se metería na final da súa proba rematando de quinto con 1:54.07 e establecendo unha MMP. Sería nesta mesma proba, pero na categoría feminina, onde se conseguiría a única medalla dos nosos atletas a cargo dunha motivadísima Raquel Meaños quen malia ter baixado este ano de 2:08, nada poido facer ante a catalana María Lasa colleitando a prata con 2:09.38. 
Na final dos 1500 m. non habería presenza galega xa que tanto a celeste Lucía Cardesín con 4:59.85,María Pérez do Comesaña con 5:15.98; Roi Estévez do C.A. Santiago con 4:24.16 e Jorge Sieira do Coruña Comarca con 4:12.08 non conseguirían chegar ata a final.
No sector dos valados moi bo papel do Lucense do Lucus Santiago Rozas que chegaría ata a final acadando un magnifico sétimo lugar e establecendo un mellor rexistro na rolda clasificatoria de 8.26 acadando unha MMP. Nas mulleres a gimnástica Lucía Ferrer con 9.36 nesta mesma especialidade quedaría as portas da final con 9.36.
Xa nos concursos décimo posto en triplo para Alexandre Barreiro con 14.00 m. e  noveno para Saray Amoedo do Vila de Cangas con 11.02 m. En peso novena posición para Andrea González da Gimnástica con 11.05 m. ocupando posto de finalista na sexta posición, o lanzador do Riazor Coruña Jaime Arias cun mellor lanzamento de 14.78 m. no seu último intento.
Por último bo papel de Eva Queimaño do A.F. Celta quen tomaría parte no concurso de altura no que sería 14ª con 1.54 m. Esta mesma atleta, que xa sería internacional nas combinadas, tomaría parte no Péntatlon na que a piques estivo de colleitar o bronce quedando a tan só 80 puntos da medalla. Ó remate cuarta posición con 3.364 puntos
A nivel xeral do resto de participantes, salientar que o campionato viviría a consecución de catro récords nacionais a cargo de Pol Retamal do F.C.Barcelona nos 200 m. (por dúas veces) deixandoo en 20.99, de Alfredo Jiménez da A.D. Marathon con 47.38 así como de Sara Gallego con 54.09 do ISS – L´Hospitalet nos 400 m.

Noticias WEb FGA .- Catro medallas para os nosos Sub-16 e Sub-18 en Murcia

Noticias FGA

Catro medallas para os nosos Sub-16 e Sub-18 en Murcia

De novo o sector do campo a través en Galicia viviría una fantástica xornada no Campionato de España Sub-16 e Sub-18 que se desenvolvería no día de onte na rexión Murciana de San Pedro del Pinar.
Ata alí unha importante selección de atletas galegos acudiría a defender e revalidar o peso que a nosa comunidade ten neste importante sector e na que os resultados volveron ser excelentes.
Comezando pola categoría Sub-16 feminina unha fantástica Carla Guisande proclamaríase subcampioa de España individual cedendo tan só ante a catalana Julia de La Piedra por tan só un segundo de diferenza. Xunto ela entraría Noelia Sánchez de 27ª, Andrea López de 42ª, Isabel Caeirode 44ª; Inés do Campo de 51ª, Nerea Lage de 58ª, que darían por equipos a Galicia a sexta praza.
Na categoría masculina non menos sensacional sería a actuación de Hugo García quen da mesma maneira colleitaría o título de subcampión nacional nunha carreira moi ben plantexada polo pontevedrés. Por equipos Galicia ocuparía una meritoria cuarta posición e na que os postos do resto de integrantes serían de,  21º para Hugo Suárez, 28º para Antón Martínez, 29º para Pedro Vázquez, 39ª para Iker González e de 52º para Martín Rivera.
Xa na categoría Sub-18 feminina Galicia sería décima nunha proba na que a atleta máis destacada sería Sara López no posto 21º estando acompañana por Paula de la Torre no 23º, Blanca Armenteros no 59º, Lucía López no 64º, María Carballido no 68º e Marta Vilas no 92º.
Como colofón e pechando xa estos campionatos, a saída da proba reservada para os atletas masculinos Sub-18 agardaba o mellor para os nosos representantes. Como ben sendo habitual, un sempre magnífico El Medhi El Nabaoui proclamaríase campión de España nunha proba na que sempre deu mostras de dominio e control e cuxo título individual iría acompañado polo bronce por seleccións grazas o excelente traballo do resto de integrantes: 20º Diego Alonso , 35º Jorge González,  55º  Bilal Dahmouni, 55º Aldo Rey e 84º para Ermias Fernández. Esta medalla poría o punto e peche a todo un campionato na que a expedición, logo dun longo camiño de regreso,  chegaría a altas horas da madrugada ós seus domicilios.

Páginas

Suscribirse a RSS - Noticias FGA