Mensaje de error

Deprecated function: The each() function is deprecated. This message will be suppressed on further calls en menu_set_active_trail() (línea 2386 de /homepages/34/d469596304/htdocs/drupal/includes/menu.inc).

PRENSA: FERROL360.ES / Martes, 01 Marzo 2016 .- Fene celebra este domingo o Campionato Galego de campo a través de veteráns

Prensa

Fene celebra este domingo o Campionato Galego de campo a través de veteráns

FERROL360 | Martes 1 marzo 2016 | 19:26

Este domingo chega a Fene o Campionato de Galicia de campo a través veteráns, que se celebrará no barrio de San Valentín. A proba comezará ás 11:00 horas e desenvolverase nun circuito de 1.200 metros, habilitado nunha zona verde próxima ao paseo marítimo.

Na presentación do evento, celebrada este martes no Concello de Fene, o concelleiro de Deportes, Xoán Manuel Bastida, amosou o seu desexo de «recuperar Fene para o atletismo». Bastida estivo acompañado polo representante da Delegación de Ferrol da FGA, Paulino Cartelle, e polos directivos do Club de Atletismo Fene, Antonio e Marcelino Rodriguez.

O concelleiro afirmou que «nesta nova época temos intención de ofrecernos voluntarios para todo tipo de competicións que nos poida conceder a Federación Galega de Atletismo». Bastida lembrou que «Fene ten historia no mundo do atletismo, non en van, a mediados dos anos 80, celebrouse en Belelle un dos Campionatos de España de Cross».

Segundo explicou o vicepresidente do Club de Atletismo Fene, Marcelo Rodríguez, «trátase dun circuíto chan aínda que conta cunha zona (a que transcorre paralela á praia) que, seguramente, resultará algo máis pesada para os corredores pola cantidade de lama que ten».

A participación estimada ronda os 300 corredores, entre os que destacan os atletas Hassan Lekhili, Akka Essadaoui, José Luis Bouza, Rafa Fuentes, José González Bañobre ou as atletas Esther Pedrosa e Soledad Castro.

Regulamento

O I Campionato Galego de campo a través de veteráns “Concello de Fene” contempla un total de 22 categorías a nivel individual, 11 masculinas e 11 femininas. As categorías previstas abranguen dende a M-35, para corredores de 35 a 39 anos, ata a M-85, para atletas de 85 anos en diante. Tanto para homes como para mulleres.

Por equipos, o regulamento establece dúas categorías para atletas homes: a M-35/M-40, de 35 a 44 anos, e a M-45, de 45 anos en diante; e unha para atletas mulleres, a F-35, para corredoras de 35 anos en diante.

A retirada de dorsais será na secretaría da competición ata 45 minutos antes da saída de cada proba. Tamén se establece que a orde de colocación dos equipos participantes na saída realizarase por sorteo. Cada club terá dereito a formar un só equipo por proba e deberá realizar a inscrición como tal.

Entregaranse medallas ós tres primeiros atletas clasificados a nivel individual así coma trofeos aos tres primeiros equipos.